O Puerto Sagunto frea a onda positiva do Cisne

Pontevedra
18 de outubro 2025
Actualizado: 20:57

O conxunto pontevedrés non logrou a súa cuarta vitoria consecutiva tras caer ante un Puerto Sagunto que continúa invicto en casa

Partido do Cisne
Partido do Cisne / Cristina Saiz

O Club Cisne Balonmano viu freado o seu bo momento de forma, tras caer ante un Puerto Sagunto que continúa invicto en casa.

O conxunto pontevedrés foi de máis a menos, arrincou moi metido no duelo e respondeu a cada gol do rival, pero un apagamento ao comezo do segundo tempo penalizouno por completo.

O inicio foi moi igualado, polo menos ata o ecuador da primeira metade, cando a precipitación e a fraxilidade defensiva no bando cisneísta castigou o equipo local en forma de 3-0.

Quiños parou o tempo, pero non deu coa clave para frear a hemorraxia do seu equipo, que viu como a diferenza empezaba a crecer ata os seis tantos (13-7).

O Puerto Sagunto, apoiado en Antonio Capitán, converteuse nun pesadelo para a defensa do Cisne, que só puido romper a seca de oito minutos sen anotar tras a exclusión de David García, que deixou os locais cun xogador menos.

Joao anotou para insuflar esperanza ao seu equipo, e a reacción chegou nos últimos cinco minutos da primeira parte cun 0-3 da man de Xoan Fernández, Joao e Marko Ribic. O técnico local parou o tempo, Xoan Fernández fixo o 14-12 e Antonio Capitán anotou o 15-12 co que se chegou ao descanso.

O segundo tempo foi un dominio absoluto do equipo valenciano, cuxa defensa se mostrou infranqueable e detivo os ataques dun Cisne moi fallón.

A exclusión de Virulegio permitiu aos locais ampliar distancias até un contundente 19-13 que complicaba as intencións dos brancos de remontar.

Aínda que o equipo visitante loitou ata o final, foi o conxunto local o que ditou o ritmo e controlou o choque, mantendo a diferenza sempre por riba dos cinco goles.

Cunha sólida actuación colectiva, Puerto Sagunto freou os intentos do Cisne, que terminou derrotado por un 29-22 que pon fin á súa boa serie.

Consulta as estatísticas neste enlace