O Pontevedra non logrou a súa terceira vitoria consetuva no derbi contra a Celta Fortuna (1-1). Os granates sumaron un punto que lles mantén nos postos de play-off a falta de catro xornadas.
Tal e como explicou Rubén Domínguez tras o choque, "sempre que sumas nesta liga hai que darlle moito valor. Creo que levamos 14 empates, son moitos puntos". Non escondeu que queda a sensación de "que pena", sobre todo ao explicar que o erro de Miki no tanto rival explícase porque "o mal estado do céspede levantoulle a pelota".
A igualdade reinou nun derbi de alternativas, no que "as ocasións máis claras foron do Pontevedra", explicou o técnico ourensán. "Podiamos pór hoxe o Pontevedra con 55 puntos e ímonos con 53", detallou.
Diego Gómez foi un dos xogadores máis destacados do encontro. O filial celeste atopou na súa banda unha vía pola que atacar, o cal motivou a entrada de Eimil xa que "a Diego liberámolo un pouquiño".
Dos pés do canteirán do Depor naceron algunhas das mellores ocasións que, lamentablemente, non terminaron en gol. O xogador saíu visiblemente afectado: "Ten que levantar a cabeza porque é parte do seu proceso, aprender das cousas que non saen ben".
Este empate mantén ao Pontevedra en postos de play-off, un dato ao que Rubén Domínguez resta relevancia: "Eu o que asino é na xornada 38 depender de nós e na xornada 38 pechalo".
"Agora temos un partido moi difícil, derbi contra o Racing de Ferrol na Malata e hai que prepararse, recuperarse e pór o foco en facer un bo partido alí", detallou o ourensán.
Outro dos factores máis determinantes no derbi deste sábado foi a calor: "Estamos a xogar un segundo contra terceiro clasificado a 30 graos", afirmou Domínguez, que engadiu que "non somos robots, é moi difícil xogar a este ritmo con esta calor".
Terminou a súa comparecencia o técnico do Pontevedra dedicando unhas palabras aos máis de 6.000 aficiondos granates que fixeron a segunda mellor entrada da tempada: "No aspecto emocional, que a bancada che empuxe fai que a cabeza tire do corpo, espero que esta non sexa a segunda mellor e acabe sendo a quinta ou a sexta".
Catro xornadas separan aos lerezanos de cumprir a ilusión do play-off. O vindeiro sábado disputarase unha nova final fronte ao Racing de Ferrol na Malata.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.