Que viva o tríatlon!

Pontevedra
21 de maio 2016

Pontevedra volve situarse no mapa do tríatlon nacional coa Copa do Rei e da Raíña nunha espléndida xornada deportiva, na que participaron máis dun milleiro de deportistas. O Tríatlon Ferrol leva o título elite en categoría feminina e o Universidad de Alicante triunfa na masculina

Copa do Rei e da Raíña de Tríatlon
Copa do Rei e da Raíña de Tríatlon / Diego Torrado

Un ano máis Pontevedra sitúase no centro do tritalón nacional, grazas esta vez á disputa da Copa do Rei e da Raíña.

Nunha espléndida xornada deportiva, só embazada nas súas dúas últimas horas pola aparición da choiva, máis dun milleiro de deportistas de clubs procedentes de toda a xeografía española deron colorido e nivel á cita.

A contorna da ponte dos Tirantes foi un constante ir e vir de deportistas e afeccionados durante todo o día, desde que ás 13:00 horas a categoría escolar daba o pistoletazo de saída.

Cun rechamante formato, a modo de contrarreloxo por equipos no que valía o tempo do cuarto compoñente, as escuadras foron tomando a saída cada minuto.

Entre os grandes triunfadores situouse o Tríatlon Ferrol, vencedor da categoría elite feminina (1:09:13) superando por apenas 4 segundos ao Cidade de Lugo Fluvial (1:09:17) e en 6 ao CN Montjuic (1:09:19), segundo e terceiro respectivamente.

Na categoría absoluta masculina o gañador foi o Universidad de Alicante (57:53), seguido no podio por Cidade de Lugo Fluvial (58:58) e Diablillo de Rivas (59:26).

Completaron o palmarés da competición o Saltoki Trikideak, gañador escolar feminino, Montilla-Córdoba Tríatlon na categoría escolar masculina, e Diablillos de Rivas nas open feminina e masculina.

Consulta aquí os resultados da Copa do Rei e da Raíña.

A competición en Pontevedra continúa este domingo coa disputa do Campionato de España por Remudas.