Queijeiro sofre unha recaída que complica a súa presenza en Ferrol

Pontevedra
22 de setembro 2015

O centrocampista retirouse do primeiro adestramento da semana ao reproducirse os problemas no xemelgo que xa lle deixaron fóra da convocatoria ante o Compostela. Jacobo e Carnero, baixas seguras para o segundo derbi da tempada

Queijeiro (esquerda) co resto do grupo no adestramento de Príncipe Felipe
Queijeiro (esquerda) co resto do grupo no adestramento de Príncipe Felipe / PontevedraViva

Non comezou con boas novas a semana para o Pontevedra Club de Fútbol, e é que o primeiro adestramento dos granates finalizou de maneira accidentada.

Tras completar boa parte da sesión, Álvaro Queijeiro acabou retirándose antes de tempo do terreo de xogo de Príncipe Felipe ao resentirse das molestias no xemelgo que xa lle deixaron fóra da última convocatoria ligueira.

A falta de que as probas sinalen o problema exacto, todo sinala cara unha pequena rotura muscular, o que de confirmarse mantería de baixa ao centrocampista durante un par de semanas.

Queijeiro abandonou o campo viviblemente afectado, xa que esperaba ir entrando nos plans de Luisito de cara o difícil desprazamento do sábado ás 18:00 horas en Ferrol.

Na Malata tampouco estarán Jacobo, que evoluciona favorablemete da súa lesión de xeonllo pero traballa á marxe do grupo, e Pablo Carnero, expulsado contra o Compostela e atópase pendente da súa sanción, pois existe temor á súa duración ao tratarse dunha vermella directa e ver o redactado polo colexiado no acta.

A nova positiva nos granates é a recuperación de Miguel Loureiro, que xa se exercita con total normalidade tras varias semanas de convalecencia.

AMIGABLE EN LALÍN

A programación semanal do equipo pontevedrés inclúe unha novidade nesta ocasión, cun partido amigable o vindeiro mércores en Lalín.

Os de Luisito enfrontaranse o conxunto local, o Club Deportivo Lalín, a partir das 20:15 horas no Manuel Anxo Cortizo, campo no que ademais programaron unha sesón de adestramento previa ao partido.

DESPRAZAMENTO A FERROL

A peña Mocidade Granate puxo en marcha a organización dunha viaxe organizada para apoiar ao equipo o sábado en Ferrol.

O custo do autobús sería de 8 euros por persoa se logran completar as prazas dispoñibles, podendo solicitar máis información a través do perfil de Twitter da peña (@mocidadegranate).