Non puido aguantar Alba Trigo Piñeiro o posto de podio que chegou a ocupar durante varias regatas, pero iso non resta un chisco de mérito ao seu gran papel no Campionato do Mundo da clase Optimist de Vela.
A xoven regatista cambadesa do Real Club Náutico de Sanxenxo concluiu en Vilamoura (Potugal) na quinta praza da clasificación feminina, 46 na xeral.
A galega, que chegou a ir segunda a metade de competición, caeu ata a quinta praza tras varios parciais negativos, pero puido aguantar a posición na última xornada ao asinar o undécimo posto na regata definitiva.
A pesar diso a experiencia resulta tremendamente positiva ao confirmar a súa progresión no Optimist, categoría na que as promesas da vela empezan a competir internacionalmente.
Tras a competición individual, Alba Trigo tamén participou no Team Racing, proba por equipos, dentro do equipo nacional, co que finalizou no Top-10 da clasificación.