Quique Cubas regresa ao Arosa catro tempadas despois

O Salnés
31 de xaneiro 2019

O club alrequinado confirmou este xoves o regreso do dianteiro, procedente do Somozas, e que xa estará dispoñible para Rafa Sáez no próximo encontro de liga

Quique Cubas nun partido do Arosa
Quique Cubas nun partido do Arosa / Diego Torrado

Máis pólvora para o Arosa, que confirmou este xoves a incorporación de Quique Cubas.

O dianteiro pontevedrés regresa así catro tempadas despois á que foi a súa casa para tentar axudar ao equipo arlequinado na súa pelexa por remontar posicións e achegarse ao  play- off, agora a 8 puntos de distancia.

Cubas, que estaba a xogar actualmente no Somozas, decidiu cambiar de aires debido a motivos extradeportivos, e chegou a un acordo para reforzar aos de Vilagarcía.

As xestións intensificáronse nas últimas horas, especialmente tras a baixa federativa de Daniel Mauri.

Desta forma Rafa Sáez suma unha nova peza ao equipo e de maneira inmediata, xa que Quique Cubas ten previsto incorporarse este mesmo xoves aos adestramentos e estará dispoñible para o choque do domingo na Lomba ante o Céltiga.