Quique Dominguez augura un partido "igualado y difícil" para o Teucro ante o Algemesí

Pontevedra
19 de setembro 2014

Os azuis afrontan este sábado (20:00 horas) o seu primeiro partido de liga na casa ante un recén ascendido como o Maristas Algemesí. O técnico pontevedrés conta con todo o plantel dispoñible a excepción do lesionado de longa duración César Armán

Quique Domínguez dá instruccións aos seus xogadores durante un adestramento PontevedraViva

"Empezar ganando en Irún ha reforzado mucho al grupo", asegura Quique Domínguez, pero o técnico da Sociedad Deportiva Teucro non quere que iso produza relaxación no seu equipo de cara ao seu primeiro partido na casa da tempada.

O Teucro recibe este sábado no Pavillón Municipal dos Deportes (20:00 horas) a un recén ascendido, o Maristas Algemesí, un rival que esperta receo no corpo técnico lerezano.

Domínguez defende que se trata de "un buen equipo, que ha fichado bien y nos lo va a poner difícil" e a pesar de ser un conxunto, a priori, con obxectivos máis modestos que os do Bidasoa, ao que o Teucro gañou na primeira xornada, e caer con claridade ante o Palma del Río na súa estrea ligueira, o adestrador azul declara estar "seguro de que va a ser un partido más igualado que en Irún".

Para a cita Quique Domínguez contará con todo o plantel en perfectas condicións físicas, a excepción do lesionado de longa duración César Armán.

Con eses vimbios tratará o Teucro de amarrar dous puntos para empezar con bo pé como local porque "va a ser clave ganar lo de casa", asegura Quique Domínguez.

O técnico pontevedrés cre que a División de Honra Prata vai estar este ano máis igualada que nunca nunha liga na que "acertar los resultados va a ser complicado cada semana".

Un motivo máis para solicitar o apoio dunha afección que pode resultar vital ao longo da tempada.