Quique Domínguez volve aos bancos no Atlético Novás da División de Honra Prata

Pontevedra
30 de maio 2019

Tras a súa experiencia en Arabia Saudita, o técnico pontevedrés volve á actividade preto da casa, no equipo do Rosal que será un dos rivais a próxima tempada de Teucro e Cisne na segunda categoría nacional

Quique Domínguez durante un adestramento do Teucro
Quique Domínguez durante un adestramento do Teucro / Mónica Patxot

Despois da súa experiencia en Arabia Saudita, Quique Domínguez volve aos bancos e faino preto da casa.

O Atlético Novás confirmou a contratación do técnico pontevedrés, que desta forma será rival dos dous equipos da cidade, Teucro e Cisne, a próxima tempada na División de Honra Prata.

Tras conseguir a permanencia na segunda categoría do balonmán nacional con sufrimento, o conxunto do Rosal dá agora un paso adiante en busca de consolidarse na categoría da man dun adestrador experimentado.

"O Novás puxo moito interese na miña contratación e por iso estou moi agradecido", sinalou Domínguez a través das redes sociais do seu novo club, onde recoñeceu que "para min será un novo reto, distinto ao últimos pero moi motivante, un gran desafío".

 

Na súa etapa recente como adestrador, Quique Domínguez dirixiu catro tempadas o Teucro, logrando os dous últimos ascensos do club á Liga Asobal, deixando a entidade o pasado verán para asumir o reto internacional de adestrar ao Mudhar saudita, un reto que terminou antes do previsto, no mes de febreiro.