RADIO.- Doutor cum laude por unha tese pioneira internacionalmente sobre o breaking

Pontevedra
08 de xuño 2024

Xa é doutor do Campus CREA de Pontevedra con sobresaliente cum laude. Unha cualificación que conseguiu o pasado maio tras catro anos preparando a tese. Practica ademais esta disciplina olímpica co sobrenome de Jumber. Acompáñanos unha vez máis no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Alberto Pérez Portela, coñecido en breaking como Bboy Jumber
Alberto Pérez Portela, coñecido en breaking como Bboy Jumber / PontevedraViva

O pontevedrés Alberto Pérez Portela estivo nunha primeira ocasión no podcast 'Cara a cara' para falarnos do breaking e dos traballos pioneiros nos que estaba inmerso.

A segunda falounos das portas que se abren a esta práctica deportiva despois de incluírse como disciplina competitiva nos Xogos Olímpicos de París e da importancia da adhesión destes clubs á Federación Galega de Baile Deportivo.

Volve para dar conta desa tese doutoral que nos avanzaba e que foi cualificada pola Universidade de Vigo (Campus CREA de Pontevedra) con sobresaliente cum laude. Ten ademais outro engadido. Nunca ninguén, nin dentro nin fóra de España, expuxeran un traballo así.

Aclara Alberto que hai tese e traballos de fin de grao ou de master que teñen que ver co breaking nun plano sociolóxico, pero nunca ligado ao time motion análisis que é unha análise observacional que si se aplicou a outras disciplinas como fútbol ou tenis.

Que significa de forma práctica esta tese: "destripar o breaking mediante parámetros temporais e secuenciales. Detectar tempos, patróns, movementos, definir esforzos, para dar logo ferramentas aos adestradores técnicos e órganos do alto rendemento para traballar con estes atletas, acurtar o tempo dunha preparación olímpica, darlles feedback sobre as diferenzas entre homes e mulleres e para previr lesións". En definitiva: "ter un marco seguro sobre o que traballar". 

O podcast completo está dispoñible na web de PontevedraViva Radio e tamén para escoitar desde a ligazón adxunta.