RADIO.- Xuntos máis fortes: mozas e mozos de minibasket do Estudiantes Pontevedra conseguen un fito para o club

Pontevedra
15 de xuño 2022

O equipo mixto de minibasket Estudiantes Pontevedra loce con orgullo a súa consecución: proclamarse campións galegos sendo a primeira vez que o fai un grupo integrado por mozas e mozos. Son os invitados das 'Conversas na Ferrería' en PontevedraViva Radio

Tres mozas e oito mozos integran o equipo mixto minibasket Estudiantes Pontevedra
Tres mozas e oito mozos integran o equipo mixto minibasket Estudiantes Pontevedra / Mónica Patxot

Viñeron a PontevedraViva Radio coas súas respectivas medallas e coa súa copa. O equipo mixto de minibasket Estudiantes Pontevedra lucía con orgullo a súa consecución: proclamarse campións galegos sendo a primeira vez que o fai un grupo integrado por mozas e mozos. "A primeira vez en vinte e cinco anos" sinalaba Fernando Fariña, directivo do club. 

As súas adestradoras Rosa Crespo e Ana Román explican que "os dous últimos partidos foron moi intensos e estiveron moi concentrados. Esa final ten moita emoción, pero isto é resultado dun traballo moi longo, de moitos anos, non se chega a un campionato galego por sorte. É un resultado que marca o traballo e compromiso que hai detrás, do equipo e tamén das familias". Outro dato respecto diso é que durante a tempada "foron un equipo invicto".

Este equipo intégrano tres mozas: Carla Sanmartín, Sabela Solla e Daniela Cal; xunto a oito mozos: Ramón Rocafort, Fernando Fariña, Bruno López, Mateo Refojo, Ero Peón, Pablo Vidal, Martín Rodríguez e Dani Charlín. Teñen doce anos, así que a próxima tempada esta aliñación non poderá repetirse debido a que cambian de categoría. Estes protagonistas fálannos de como viviron o encontro, da súa práctica no baloncesto ou como están a ser estes días posteriores. Mesmo, avanzan as peticións que trasladarán ao Concello de Pontevedra con motivo da recepción prevista e que tamén tiveron na Deputación.

O Estudantes Pontevedra conta cuns 230 deportistas desde catro a dezaoito anos. Teñen 21 equipos desde baby basket ata junior, masculinas e femininas e entre elas, segundo sinala Fariña "estamos a ter moitas xogadoras desde pre- minis". Os equipos mixtos, como foi o caso dos participantes no podcast das 'Conversas na Ferrería', só son posibles ata cadetes de segundas divisións.