Rafa Sáez toma as rendas do Arosa

O Salnés
31 de maio 2018

O técnico pontevedrés é o elixido para facerse cargo do banco do cadro arlequinado tras a saída de Jorge Otero, co obxectivo de devolver aos de Vilagarcía aos catro primeiros postos da Terceira División

Rafa Sáez e Luisito en Pasarón durante un partido entre Coruxo e Pontevedra
Rafa Sáez e Luisito en Pasarón durante un partido entre Coruxo e Pontevedra / Diego Torrado

Rafa Sáez volve ao Arosa 30 anos despois da súa etapa como xogador na Lomba, e faino para tomar as rendas do novo proxecto arlequinado na Terceira División.

O técnico pontevedrés é o elixido para substituír a Jorge Otero, tras a súa saída do club para fichar polo Rápido de Bouzas.

Sáez, que os últimos anos adestrou ao Coruxo na Segunda División B e antes a equipos como o Pontevedra, Celta B ou Logroñés, baixa agora un banzo ata o Terceira pero coa ambición de tentar devolver aos de Vilagarcía aos postos de honra da categoría, os que lle permitirían pelexar por volver á categoría de bronce do fútbol nacional.

O entendemento entre o novo adestrador e o presidente do club, Manuel Abalo, foi total desde os primeiros contactos, polo que tras a presentación oficial deste xoves na Lomba poñeranse ao choio para tentar confeccionar un plantel de garantías.