A oitava edición do Rallye de Pontevedra empeza a desvelar as súas novidades.
A competición automobilística organizada pola Escudería Congostra Team Sanxenxo deu luz coa publicación do seu regulamento particular a algunha das claves de edición de 2026, prevista para os días 5 e 6 de xuño.
Será a cuarta proba puntuable do Campionato Galego de Rallyes, e lonxe de repetir a fórmula que tan bos resultados deulle nos últimos anos, os seus responsables déronlle unha volta ao evento.
A maior novidade chegará coa celebración o venres 5 de xuño, a modo de aperitivo, dun tramo espectáculo ou 'shakedown' no Concello de Poio, extremo que a principios de eños estaba preto de concretarse e que agora se converteu en realidade.
Aínda que os trazados concretos non se desvelarán até poucos días antes da competición, si se sabe xa que ese 'shakedown' será de 4,28 quilómetros e celebrarase na contorna do Monte Castrove, xa que contará cun punto de asistencia no campo de golf de Meis "a unha distancia de 1,80 quilómetros desde a meta, e a unha distancia de 1,40 quilómetros da saída", especifica o regulamento do Rallye de Pontevedra.
Neste tramo espectáculo soamente poderán participar un máximo de 60 vehículos do máximo de 140 inscricións habilitadas para o rallye.
Segundo o horario de competición aprobado, o 'shakedown' servirá de pistoletazo de saída da competición na mañá do venres 5 de xuño, de 11.00 a 12.45 horas para coches de dúas rodas motrices e de 12.45 a 14.30 horas para os de catro rodas motrices.
Xa pola tarde, ese mesmo venres ás 19.45 horas, a Praza do Mar de Sanxenxo acollerá a cerimonia oficial de saída con todos os participantes.
En todo caso a maior actividade concentrarase na xornada do sábado 6 de xuño con até catro tramos cronometrados que arrincarán xa ás 8.00 horas da mañá coa saída dos primeiros pilotos. Un sábado que se prolongará até as 22.00 horas coa cerimonia de entrega de trofeos na Praza do Mar.
Neste sentido, e tal e como avanzou a Escudería Congostra Team Sanxenxo a PontevedraViva no mes de xaneiro, os tramos cronometrados pasarán polos municipios de Sanxenxo, Meaño, Moraña, Barro e Cerdedo-Cotobade.