A sexta edición do Rallye de Pontevedra deixou imaxes espectaculares o mes de xuño, e resultou un éxito non só deportivo senón tamén organizativo para a Escudería Congostra Team Sanxenxo.
Víctor Senra e David Vázquez, aos mandos dun Skoda Fabia Rally2, foron os vencedores da que era a quinta proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes.
Iso sobre o asfalto, pero fóra del todo funcionou á perfección, e así o reflexan as puntuacións emitidas polos observadores da Federación Galega de Automobilismo en todas e cada unha das probas incluídas no calendario galego.
Segundo esas puntuacións, o Rallye de Pontevedra foi o mellor valorado de toda a tempada con 5.003 puntos, superando nesta ocasión ao 28º Rallye do Cocido, segundo con 4.930 puntos.
A pasada tempada a competición con base en Sanxenxo xa fora a segunda mellor puntuada polos observadores.
Cabe destacar tamén que o RallyMix Cuntis Vila Termal foi o segundo mellor valorado da súa especialidade (4.605 puntos), mentres que o RallyMix Concello de Ribadumia sumou 4.296 puntos de valoración e o RallyMix de Portas 4.134.
Pola súa banda nas probas de montaña a 7ª Subida a Ponte Caldelas foi tamén segunda con 4.475 puntos e a 24ª Subida A Escusa alcanzou unha valoración de 4.178 puntos.
As puntuacións, puntualiza a Federación Galega, foron obtidas tras analizar distintos aspectos organizativos das probas.