Raúl Bergua fai historia en Polonia para o Bádminton Ravachol

Pontevedra
10 de novembro 2025

O xogador logrou o primeiro título internacional junior na historia do Ravachol ao imporse no Polish Junior International 2025 disputado na localidade de Białystok

Raúl Bergua, campión do Polish Junior International
Raúl Bergua, campión do Polish Junior International / Bádminton Ravachol Pontevedra

Barreira derrubada para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra.

Raúl Bergua fixo historia para a entidade pontevedresa ao conseguir o primeiro título internacional júnior do club.

Logrouno no Polish Junior International celebrado entre o 7 e o 9 de novembro na localidade polaca de Białystok, un torneo incluído no circuíto europeo da categoría.

O pontevedrés completou un torneo sobresaliente empezando xa cun sólido triunfo en primeira rolda contra o polaco Dawid Serafin (21-9, 21-8).

Despois chegarían vitorias ante o tamén local Pawel Paulewicz (21-7, 21-10), o kazako Arnur Tapishev (21-6, 21-1) e o lituano Rokas Lesinskas (21-10, 21-17) para plantarse en semifinais.

Nesa rolda chegou o duelo máis exixente, contra o estoniano Marti Joost, necesitando de tres duros sets para avanzar á gran final (21-13, 19-21, 21-11).

No partido polo título Raúl Bergua mediuse a outro xogador español, Yaidel Gil, ao que venceu en dúas mangas por 21-11 e 21-12.

Con este resultado, Bergua ascende ao posto número 30 do ranking mundial junior, consolidándose como unha das grandes promesas do bádminton galego, español e europeo.

Segundo o director deportivo do club, Jesús Pereiro, o seu xogador "estivo sobresaliente, e trae a casa un título internacional que nos fai moitísima ilusión a todos", e é que "demostra que seguimos no bo camiño, traballando ben desde a base e coa ilusión de continuar na elite do bádminton nacional e internacional".