Real Madrid e Maresme Coelmin, campións de España infantil de baloncesto en Cambados e Marín

Marín
18 de xuño 2017

Despois dunha semana do mellor baloncesto de base nacional, Cambados e Marín viviron este sábado as respectivas finais da competición masculina e feminina respectivamente

Final do Campionato de España Infantil Feminino de Baloncesto en Marín
Final do Campionato de España Infantil Feminino de Baloncesto en Marín

O mellor baloncesto nacional de base despídese de Marín, Cambados e tamén Vilanova despois dunha semana de intensa competición.

Os pavillóns do Pombal en Cambados e A Raña en Marín acolleron este sábado as finais do Campionato de España Infantil masculino e feminino respectivamente con cheo nas bancadas e gran emoción na cancha.

No torneo masculino o gran vencedor foi o Real Madrid, ao superar nunha disputada final ao Joventut de Badalona (80-72), que coa súa velocidade de xogo e gran telanto puxo en apertos ata o final aos madrileños.

O equipo catalán chegou en vantaxe ao descanso (37-42), pero un parcial de 13-3 ao comezo do terceiro cuarto resultou decisivo. A medalla de bronce do campionato foi para o Unicaja Rincón, que derrotou no último partido ao Barcelona (73-69).

Máis emocionante foi o desenlace do campionato feminino, que levou o Maresme Coelmin nun épico encontro ante o Snatt's Sant Adriá (81-80), que tivo que resolverse despois de dúas prórrogas.

Ningún dos dous equipos perdera no torneo e a igualdade foi máxima. Empezou mellor o Sant Adriá pero aos poucos o Maresme foi mellorando para chegar ao emocionante final. Primeiro forzando a segunda prórroga cun triplo e despois para facerse co seu primeiro título nacional.

Puido cambiar todo na última xogada do encontro, pero o Sant Adriá fallou unha bandexa que lle tería dado a vitoria. Terceiro no podio foi o Spar Gran Canaria ao derrotar no partido polo bronce ao Stadium Casablanca (56-48).