Real Madrid e Unicaja, vencedores dos campionatos de España de baloncesto infantil

Pontevedra
16 de xuño 2018

O conxunto madrileño proclamouse vencedor en Marín na categoría masculina tras superar na gran final deste sábado o FC Barcelona, mentres que en Pontevedra na competición feminina Unicaja superou o Sant Adriá

O Real Madrid, campión de España de baloncesto infantil en Marín
O Real Madrid, campión de España de baloncesto infantil en Marín / FEB

Despois dunha semana de esforzo e emoción, os Campionatos de España de Baloncesto en categoría infantil celebrados en Marín e Pontevedra baixaron o pano este sábado coa disputa das grandes finais en ambas as duas categorías.

Na masculina o gran dominador e ao cabo vencedor do torneo foi o Real Madrid, que no partido polo título mostrouse superior ao Fútbol Club Barcelona no pavillón marinense da Raña (79-49).

O cadro catalán mantivo o tipo nos dous primeiros cuartos, chegando ao descanso cunha mínima desvantaxe (28-27), pero no terceiro parcial viñeron abaixo e o conxunto madrileño aproveitou para sentenciar cun contundente parcial de 34-8 da man dun espectacular Eli John Ndiaye,  MVP da final con 24 puntos, 15 rebotes e 30 de valoración.

En canto á medalla de bronce, foi finalmente para o Iberostar Canarias ao superar no partido polo terceiro e cuarto posto o Santa Cruz (73-54).

Moi preto, en Pontevedra, a gran final feminina non se decidiu ata os últimos segundos en favor do Unicaja de Málaga, tras un emocionante duelo ante o Sant Adriá (65-60).

As malagueñas dominaron desde o segundo parcial, pero o seu rival non se rendeu e contou con opcións de remontada ata os instantes definitivos. Empataron e mesmo se puxeron por diante cando non quedaba case tempo, pero un par de accións do Unicaja, incluído un triplo outorgáronlle o título.

O bronce feminino foi á súa vez para o Barça CBS, que superou o Benimaclet (68-64).