Recepción ás ximnastas do club Saraiba polos seus éxitos

Poio
21 de agosto 2021

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas, entregaron un agasallo ás deportistas polo campionato autonómico logrado en categoría infantil e prebase, así como o subcampeonato na modalidade de conxunto  

Recepción en Poio ao club Saraiba de ximnasia
Recepción en Poio ao club Saraiba de ximnasia / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas, recibiron este xoves a un grupo de integrantes do Club Saraiba ED Poio. En concreto, trátase de nove ximnastas que na vixente temporada colleitaron uns espectaculares resultados, ao acadar catro vitorias e cinco subcampionatos no Campionato Galego de conxuntos, nivel prebase, en categoría infantil.

As rapazas recibiron un agasallo por parte do rexedor e da titular da área de Deportes, que, ademais de felicitar ás ximnastas por estes grandes resultados, fixeron fincapé no enorme labor que está a realizar o club desde hai xa 25 anos, logo da súa fundación en 1996.

“O traballo que realiza Saraiba non só se reflicte nos éxitos en diferentes probas e campionatos, senón tamén no feito de que cada vez son máis as crianzas que se interesan pola ximnasia rítmica coma modalidade deportiva”, sinalou Caldas Moreira, que incidiu, unha vez máis, na necesidade de apostar polo deporte seguro como fórmula para fomentar hábitos saudables. “É a filosofía das nosas Escolas Deportivas e así o seguirá sendo, adaptándonos, co esforzo de todos e todas, ao contexto actual”, concluíu.