Recepción municipal ao Poio Pescamar por ser "o mellor equipo de Galicia"

Marín
05 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu este venres ao Poio Pescamar pola súa proclamación de campión da Copa Galicia despois de derrotar o Marín Futsal por 2-1  

Recepción municipal ao Poio Pescamar, campión da Copa Galicia
Recepción municipal ao Poio Pescamar, campión da Copa Galicia /

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu este venres ao Poio Pescamar pola súa proclamación de campión da Copa Galicia despois de derrotar o Marín Futsal por 2-1.

O rexedor sinalou que tanto afección como equipo "demostraron unha vez máis o importante que son para o noso concello", tiñendo de vermello o Príncipe Felipe e demostrando ser "o mellor equipo de Galicia".

Destacou tamén que o Poio Pescamar ten os obxectivos claros esta tempada e espera "que deica pouco estean aquí co campionato de liga", afirmando á súa vez que Poio é capaz de competir contra grandes cidades de toda España e ser "un orgullo para os veciños do noso concello e un equipo referente a nivel nacional e galego".

VOLVE A LIGA

Despois do parón por semana santa e a recente disputa da final da Copa Galicia, Poio Pescamar e Marín Futsal regresan ao traballo cunha nova xornada de Primeira División.

No caso das vermellas, viaxarán ao pavillón Guadaljaire de Málaga para enfrontarse ao Atlético Torcal (18:00 horas), un "rival durísimo" que gañou o últimos catro partidos e está a demostrar ser o terceiro equipo máis en forma do momento detrás do Poio e do Burela.

Será precisamente o conxunto da Mariña o opoñente desta fin de semana do Marín Futsal, que non o terá nada fácil para superar a un dos favoritos polo título de liga. O partido será na Raña a partir das 17:00 horas.