Recuperar sensacións, obxectivo do Peixe Galego no peche da primeira volta

Marín
09 de xaneiro 2020

O conxunto marinense recibe este venres (21:00 horas) no pavillón da Raña o HLA Alicante en busca da que sería a súa terceira vitoria da tempada na liga LEB Ouro. Javi Llorente poderá contar con todo o plantel

Adestramento do Peixe Galego na Raña
Adestramento do Peixe Galego na Raña / Mónica Patxot

O pavillón marinense da Raña será escenario este venres (21:00 horas) do último partido da primeira volta na Liga LEB Ouro para o Peixe Galego, que recibe o HLA Alicante.

Os de Javi Llorente tentarán recuperar sensacións para lograr a súa terceira vitoria da tempada e recobrar impulso na pelexa pola permanencia na categoría.

O técnico poderá contar con todo o plantel á súa disposición, tras baleirarse a enfermería durante as últimas semanas.

Esa circunstancia, cunha maior rotación en pista, non impediu as dúas derrotas consecutivas coas que chegan á cita os de Marín, que agora si esperan elevar o seu rendemento ante un rival tamén recentemente ascendido pero que transita nunha cómoda novena posición (8-8).

O cadro alacantino presentarase na Raña como máximo encestador da categoría e coa maior porcentaxe de acerto en tiros de dous (54%).

O partido adiántase a este venres ao unificarse a xornada para establecer que equipo acompañará ao Valladolid na Copa Princesa.