Reencontrarse coa vitoria e regresar a zona de playoff, obxectivos do Poio Pescamar

Poio
24 de xaneiro 2020

O conxunto que dirixe Raúl Jiménez recibe o sábado ás 17 horas na Seca ao Penya Esplugues coa intención de cortar un refacho de dúas derrotas consecutivas

Partido entre Poio Pescamar e Burela na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Burela na Seca / Diego Torrado

Despois de dúas derrotas consecutivas por primeira vez na tempada, o Poio Pescamar non se conformará con nada menos que unha vitoria este sábado (17 horas na Seca) fronte ao Penya Esplugues. As de Raúl Jiménez enfróntanse a un rival que empezou o novo ano con enerxía ao sumar dous triunfos consecutivos en liga que contrastan coas seis derrotas seguidas coas que pecharon o 2019.

O conxunto vermello foi incapaz de derrotar na primeira volta ao cadro catalán, asinaron un empate a un tanto. Por iso, as da Seca poñerán todo da súa parte para sumar tres importantes puntos que sirvan para reenganchar ao equipo ás prazas de playoff das que caeron despois das dúas últimas derrotas.

Para este encontro, Raúl Jiménez tampouco poderá contar nin con Antía nin Andrea. A primeira segue recuperándose da súa grave lesión de xeonllo, mentres que Andrea, que sufriu unha rotura de fibras, prefire non precipitar o seu regreso á cancha para evitar unha recaída.