Regresa ao Peixe Galego Javi Llorente, o adestrador dos dous ascensos a LEB Oro

Marín
29 de xuño 2022

O adestrador leonés retorna ao primeiro equipo marinense despois de tres temporadas afastado da competición

Javi Llorente no banco do Peixe Galego no partido de liga ante Calzados Robusta Diego Torrado

O adestrador que levou ao Marín Ence Peixe Galego a relacionarse cos mellores equipos de baloncesto de España retoma as rendas do equipo. O club fai oficial o regreso, tres tempadas despois, de Javi Llorente ao conxunto da Raña como responsable do primeiro equipo. 

O preparador natural de León pero afincado desde hai anos en Pontevedra, dera un paso ao carón no 2020 polo desgaste de dirixir a un equipo humilde entre transatlánticos do tamaño de Breogán, Palma ou Burgos na antesala da ACB durante dúas tempadas non consecutivas.

O primeiro salto produciuse tras unha campaña inmaculada en LEB Prata na que o equipo non só gañou a liga sen perder un só partido, senón que se alzou tamén con Cópaa LEB Prata. Ao ano seguinte dirixiu ao equipo en LEB Oro, pero a inexperiencia e o reducido do orzamento impediu ao equipo loitar pola permanencia.

Por problemas administrativos, o equipo caeu a Liga EBA, pero en dous anos consecutivos, Llorente volveu obrar o milagre de conducir ao Peixe ata a LEB Oro. Con todo, a dureza da competición volveu complicar a loita pola permanencia. a mala marcha do equipo levou a Llorente a dimitir mediada a tempada. 

Aínda así, o preparador nunca se desvencellou por completo da entidade da Raña, coa que seguiu colaborando como asesor e coordinador da base. Un cargo que compaxinou co seu labor en categorías inferiores da Selección Española.

Tras este necesario período de desconexión e reflexión, Llorente xa manifestara a súa intención de regresar aos bancos, algo que ocorrerá a próxima tempada co Peixe Galego en Liga EBA. O obxectivo nunca foi estar en LEB Oro, pero, como di o refrán, non hai dous sen tres.

Doutra banda, a directiva do Marín Peixe Galego comunicou este mércores que xa ten presentada toda a documentación necesaria para inscribir ao primeiro equipo na liga EBA.