Renovan a iluminación das instalacións deportivas e do polideportivo de Barrantes

O Salnés
20 de marzo 2023

As actuacións levadas a cabo pola Xunta enmárcanse no Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11 millóns de euros para facilitarlles aos concellos accións a prol do medio natural 

Renovan a iluminación do campo de fútbol de Barrantes Xunta de Galicia

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou este luns o concello de Ribadumia para coñecer as melloras feitas nas instalacións deportivas de Barrantes co apoio da Xunta. O Goberno galego colaborou cunha achega de máis de 25.500 euros na renovación da iluminación do campo de fútbol e do polideportivo municipal, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo explicou Natalia Prieto, a través da iniciativa, no campo de fútbol da Bouza substituíronse os halóxenos por luminarias LED con maior rendemento e vida útil, ademais de menor consumo. Así, instaláronse en cada unha das cinco torres e na zona de grada 25 proxectores, de 440 vatios. No polideportivo municipal renovouse tamén a iluminación con lámpadas LED. 

A directora xeral destacou a importancia do Fondo de Compensación Ambiental, dotado este ano con máis de 11 millóns de euros, para facilitarlles a concellos, mancomunidades e consorcios locais o desenvolvemento de medidas a prol do medio natural. Así, subvenciónanse accións como campañas divulgativas, melloras de eficiencia enerxética, integracións paisaxísticas ou proxectos para evitar a degradación

A maiores desta achega, o concello de Ribadumia beneficiouse tamén da convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental en 2022 a través do proxecto Salnés medioambiental X: mellora da eficiencia enerxética na sede administrativa da mancomunidade e mantemento, do que forma parte esta localidade xunto con Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. A Xunta destinou preto de 35.000 euros á iniciativa.