Resende, sobre Osasuna: "Se queremos soñar co play-off é deses partidos que temos que gañar"

Pontevedra
25 de febreiro 2026

O futbolista portugués do Pontevedra Club de Fútbol defende que "estamos a facer as cousas ben e ao final, se seguimos así seguro que imos mellorar a dinámica"

Joao Resende, no partido entre Pontevedra CF e Real Madrid Castilla en Pasarón

O Pontevedra Club de Fútbol segue a mirar con optimismo cara ao futuro, coa ilusión de poder pelexar até o final de liga non só pola permanencia en Primeira RFEF senón por un posto nunha fase de ascenso que empeza a ser un obxectivo ao alcance.

Nin os últimos resultados quebraron a confianza dun grupo que defende que "estamos a facer as cousas ben e ao final, se seguimos así seguro que imos mellorar a dinámica".

Así o asegurou este mércores desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón un dos futbolistas do primeiro plantel granate, Joao Resende.

O portugués ve no próximo partido de liga, este próximo sábado 28 de febreiro no campo de Osasuna Promesas, como unha oportunidade de consolidarse na zona alta da táboa.

"Se queremos estar arriba soñar co play-off é deses partidos que temos que gañar si ou si", afirmou ante a visita ao equipo que ocupa actualmente o último posto.

A nivel individual, Joao Resende conta desde o mercado de inverno cunha maior competencia na zona ofensiva, especialmente nas bandas coa chegada de homes como Alberto Gil e Diego Gómez.

Con todo "iso é bo para o equipo, para subir o nivel. É bo para todos que haxa un nivel máis alto. Por iso tamén podo estar a xogar un pouco máis no centro", recoñeceu.

Precisamente nas últimas xornadas víuselle ocupar o posto de dianteiro centro en lugar de Comparada, unha posición que "eu podo facer e se nese momento o adestrador cre que a miña contribución é mellor aí por min ben", sinalou o xogador granate.

Onde non quixo polemizar Joao Resende é coas decisións arbitrais que saíron cruz nas últimas xornadas para o Pontevedra, e é que ao seu modo de ver "nestes dous partidos contra Castilla e Lugo non puidemos gañar por dúas decisións un pouco dubidosas, pero ao final se seguimos así eu creo que no futuro tamén vai haber decisións así dubidosas que nos van a beneficiar e todo se equilibrará".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora