Risco de suspensión no Pontevedra-Racing de Ferrol

Pontevedra
12 de febreiro 2016

A choivas caidas durante os últimos días complicaron o estado do céspede do Estadio Municipal de Pasarón, o que unido ás malas previsións meteorolóxicas para a fin de semana poñen en serio risco a disputa do derbi autonómico o vindeiro domingo ás 17:00 horas

Estado do Estadio Municipal de Pasarón este venres 12 de febreiro
Estado do Estadio Municipal de Pasarón este venres 12 de febreiro / PontevedraViva

Preocupación no Pontevedra Club de Fútbol polo estado do céspede do Estadio Municipal de Pasarón a dous días do derbi autonómico (domingo, 17:00 horas) ante o Racing de Ferrol.

As intensas choivas dos últimos días provocaron a inundación dunha das esquinas do terreo de xogo, concretamente a de Tribuna co Fondo Norte, ademais de presentar o céspede charcos en diferentes lugares.

Este panorama, unido ás malas previsións climatolóxicas para toda a fin de semana, con alerta amarela por choiva durante o sábado e precipitacións tamén durante o domingo, poñen en risco a disputa do partido.

Con todo a decisión corresponderá ao trío arbitral, que decidirá o mesmo día do partido coa esperanza de que as choivas sexan de menos intensidade e permitan disputar o choque.

A inundación dunha das esquinas do campo é unha situación recorrente desde a reforma do estadio, provocando en 2012 a suspensión dun encontro de Terceira División ante o Villalonga. De feito requiriuse no seu momento á empresa construtora a instalación dun desaugadoiro perimetral que a día de hoxe segue sen existir.