O despedimento de Luisito como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, unido á mala marcha do equipo, puido ocasionar unha renovación máis profunda aínda no organigrama do club, en concreto na dirección deportiva.
O responsable da planificación nesta área durante as últimas tempadas, Roberto Feáns, chegou a poñer o cargo a disposición dos seus compañeiros no Consello de Administración.
Esta situación tivo lugar nas datas nas que se despediu ao técnico, no mes de decembro, pero desde o club non se quixo valorar esa posibilidade confiando no seu traballo para dar a volta á mala situación.
Desde ese momento Feáns intensificou o seu labor coa análise primeira dos adestradores dispoñibles, aínda que se apostase por darlle unha oportunidade a Luismi, e no seguimento de futbolistas para reforzar o equipo na parte final da tempada.
Neste sentido desde o club confían en poder pechar algunha incorporación antes de que finalice a semana.