Roubos con final feliz no RallyMix Cuntis Vila Termal

Umia
27 de setembro 2022

A organización da proba automobilística celebrada a pasada fin de semana denunciou a subtracción de diverso material do rally, pero tras pedir colaboración a través das súas canles oficiais os 'amigos do alleo' terminaron por arrepentirse e devolver todo o que levaran

V edición do RallyMix de Cuntis
V edición do RallyMix de Cuntis / Cristina Saiz

A Escudería Cuntis Vila Termal, organizadora do RallyMix de Cuntis celebrado a pasada fin de semana, respira tranquila despois do desgusto ocasionado por algún 'amigo do alleo'.

Tras a disputa da proba automobilística con éxito organizativo e de público, e con triunfo no estritamente deportivo de Abel Jurado, os encargados de organizar a competición do Campionato Gallego levaron unha sorpresa en grao sumo desagradable.

Ao querer recoller o material despregado ao longo do percorrido atopáronse con que faltaba unha carpa instalada na zona de meta xunto a unha lona que estaba colocada no centro da localidade anunciando a quinta edición do evento. Ademais botaban en falta outras lonas de patrocinadores.

Para tentar recuperar todo o sustraido a Escudería Cuntis Vila Termal pediu a axuda dos afeccionados do mundo do motor, avisando ademais que no caso da lona a persoa responsable fora gravada in fraganti, polo que lle daban unhas horas de prazo para devolvela antes de poñer en coñecemento da Garda Civil a situación.

Finalmente, explica a escudería, "chegounos unha mensaxe por Instagram decindo que se arrepentiran e que deixaran todo na zona de meta. Fomos nese mesmo momento e alí atopábase todo".

Superado o mal momento, e aínda que quedan meses por diante, todo o vivido non quitou as ganas de darlle continuidade ao RallyMix de Cuntis, polo que "toca seguir, pensar na sexta edición e para o ano poñer o pastor ao redor de todas as lonas que poñamos", afirman cun toque de humor.