Rubén Domínguez, tras o empate ante o Arenteiro: "Foi un partido moi difícil de xogar neste tipo de escenario"

Pontevedra
17 de xaneiro 2026

O técnico granate recoñeceu as dificultades derivadas do estado do céspede e valorou o esforzo do seu equipo para rescatar un punto nunha tarde espesa

Partido entre Pontevedra CF e Arenteiro en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e Arenteiro en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra CF sumou un novo punto este sábado en Pasarón fronte ao Arenteiro, nun encontro espeso e complicado, tal e como recoñeceu Rubén Domínguez en rolda de prensa.

O técnico granate mostrouse satisfeito polo esforzo dos seus xogadores a pesar de admitir que o duelo non foi dos mellores do equipo.

"Denso é unha boa palabra", resumiu Domínguez nada máis comezar a súa intervención. "Foi un partido moi difícil de xogar neste tipo de escenario, contra un rival que tamén xoga e que, como todos nesta categoría, é un bo equipo. Non foi o noso mellor día, é así", engadiu.

O adestrador valorou algún tramo positivo, especialmente despois do tanto do conxunto visitante, cando o Pontevedra reaccionou e conseguiu devolver o empate ao marcador.

"A primeira media hora non é excesivamente boa, pero logo, tras o gol, Tivemos uns doce ou quince minutos nos que o equipo está ben. Na segunda", en cambio, "houbo momentos nos que non demos conectado pases pola dificultade, porque non hai que esquecer que é moi difícil xogar neste campo. Aínda así, Yelko, Tiago e Monto foron capaces de, nalgúns tramos, darlle continuidade ao xogo", sinalou.

Domínguez insistiu en que o Pontevedra fallou, pero destacou o compromiso do grupo porque "mesmo nos días que non nos saen tan ben as cousas conseguimos puntuar e baleirámonos".

Preguntado pola acción entre Tiago e un xogador rival, na que o granate se fixo dano no xeonllo, o técnico explicou que "cravaron xeonllo con xeonllo e ten unha molestia. Cremos que foi o golpe, pero hai que ver como evoluciona estes días".

O adestrador tamén tivo palabras para o debutante Alberto Gil e Brais Abelenda, que regresaron de lesión para disputar "un partido que non foi fácil e que estaba moi aberto".

Para Rubén, o punto serve para manter a boa dinámica e para saber que "non é tan fácil".

Insiste en que "hai que ser humildes coa ambición de mellorar o que non fixemos hoxe. Imos ir a Mérida a tentar sacar xa o tres puntos, porque non hai que esquecer que tamén levamos sete semanas seguidas puntuando con dezasete puntos de vinte e un. É dicir, que creo que este equipo, porque un día non esteamos do todo ben, tampouco creo que haxa que facer sangue".