O Pontevedra retoma a competición ligueira este sábado coa xornada 29 de Primeira Federación. Os de Rubén Domínguez reciben en Pasarón ao Ourense CF, décimo quinto clasificado con 32 puntos.
O técnico ourensán, que se enfrontará precisamente ao seu ex equipo, fixo referencia á suspensión do encontro co Arenas ao explicar que foi "unha semana longa porque estás afeito a xogar partidos, recuperar, adestrar e esta semana foi máis longa do habitual porque adestramos todos os días".
En canto á saúde dos xogadores, o plantel afronta o encontro nas mesmas condicións que a xornada pasada coa única baixa de Diego Gómez por sanción.
O rival é un vello coñecido para Rubén Domínguez e xogadores como Marqueta, Alberto Gil ou Facu Ballardo. O adestrador do conxunto granate admitiu que "é bonito xogar contra o Ourense, oxalá lle vaian as cousas moi ben e salven a categoría". De todos os xeitos, a prioridade para o técnico ourensán é clara: "O que temos entre cella e cella é meter ao Pontevedra no playoff e salvalo xa".
O encontro de ida estivo condicionado polo estado do céspede do Couto, factor que pode ser de novo importante este sábado en Pasarón: "Cando fomos ao Couto fomos a un campo como agora está Pasarón", explicou Domínguez, que engadiu que "era un partido que predisponía a iso, á loita, á disputa".
"Eles teñen xogadores físicos como pode ser Carmona, Jerín, Jelbat, teñen xogadores dun físico forte e nós tamén", explicou o técnico do Pontevedra, que espera un partido de "moito duelo e moita disputa".
Aínda que o equipo da cidade termal chega ao encontro décimo quinto na táboa, Rubén Domínguez fixo fincapé en que "nós non miramos dinámicas, miramos ao rival, como podemos danalo, mirámonos a nós mesmos, como podemos ser mellores e a partir de aí tentar facer un bo partido".
Outro factor a ter en conta foi o partido aprazado fronte o Arenas de Getxo. Non xogar supuxo ao Pontevedra baixar da terceira posición na que levaba semanas instaurado, aínda que para Domínguez o importante é estar en play off a final de tempada: "Queremos estar cantas máis semanas en playoff mellor, pero aquí o importante é estar na 38".
E é que para o adestrador ourensán todo decidirase na "última ou penúltima xornada", polo que o importante é "estar en disposición, sexa na posición que sexa, de optar a iso".
Respecto de ter un partido menos e, por tanto, a posibilidade de sumar entre semana, Domínguez afirmou: "Si logo temos esa bala e aproveitámola, pois vai ser fabuloso".
A data para disputar o encontro é aínda unha incógnita, aínda que a preferencia para o adestrador do conxunto granate é disputalo entre os encontros fronte a Barakaldo e Ponferradina que se disputan en Pasarón de forma consecutiva.
Para finalizar a comparecencia, Rubén Domínguez explicou que os xogadores "o que queren é xogar", polo que estas semanas sen partido "fanse longas". "Eles queren xogar e o luns, en función do que pase, xa volver adestrar. Se ganas con alegría e se perdes con tristeza, pero xa van o luns", afirmou.
É por iso que o equipo afronta o encontro deste sábado con ganas xa que ten a posibilidade de "brindarlle unha vitoria á nosa xente que xa hai tempo que non lla brindamos".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.