Só unha tripulación galega, o K-2 1.000 metros de Rubén Millán e Gabriel Pavón, cumpriu o obxectivo de pasar á final no Campionato do Mundo de Piragüismo que se está a celebrar en Milán.
Millán e Pavón están a un paso de lograr unha praza para os Xogos Olímpicos, algo que conseguirán se rematan entre os seis primeiros clasificados.
Non tivo tanto acerto Diego Romero (Breogán do Grove) no C-1 1.000 metros ao ser quinto na súa quenda e ter que conformarse coa final C. Quédalle iso si a opción do C-2 1.000 metros xunto ao seu compañeiro Tono Campos, nunha modalidade no que as expectativas son máis elevadas.
Quedou preto da final, pola súa banda, o pontevedrés Adrián Sieiro (Piragüismo Poio) na distancia non olímpica do C-2 500 metros xunto a José Luis Bouza. Foron quintos na súa serie quedando a dúas décimas de pasar á final. A Adrián réstalle aínda competir no C-1 500 metros.
Aínda que tampouco é clase olímpica, este venres entra en escena unha das principais esperanzas de medalla no equipo nacional, o tudense Roi Rodríguez no K-1 500. Tamén se estrea a canguesa Teresa Portela en busca da clasificación para a que sería a súa quinta olimpíada.