Sabela Castelo revalida o seu título de campioa de España de cros

Pontevedra
29 de xaneiro 2024

A atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra logrou a medalla de ouro sub-16 no Campionato de España de Cros celebrado a fin de semana en Xetafe

Sabela Castelo, no Campionato de España de Campo a Través en Xetafe
Sabela Castelo, no Campionato de España de Campo a Través en Xetafe /

Grandes noticias para o atletismo pontevedrés as que deixou o Campionato de España de Campo a Través celebrado durante a fin de semana na localidade madrileña de Xetafe.

O resultado máis destacado foi o conseguido por Sabela Castelo, atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, ao lograr revalidar o título de campioa nacional en idade sub-16. Fíxoo ademais cunha exhibición, como recoñecía mesmo a Real Federación Española de Atletismo, ao completar os 4.067 metros de recordido nun tempo de 14 minutos e 55 segundos, superando por máis de medio minuto á tamén galega Paula Fernández (15:28), que levou a medalla de prata.

Os seu resultado foi ademais clave para que a Selección Galega se fixese tamén co ouro por equipos, unha medalla que repetiu na categoría sub-18 feminina na que Sabela Martínez (Gimnástica) colaborou cun sétimo posto individual.

CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO EN PISTA CUBERTA

Outro foco de atención atlética da fin de semana para a Gimnástica foi o Campionato de Galicia Absoluto en Pista Cuberta celebrado en Ourense.

Na cita autonómica destacaron os triunfos de Cris Garrido nos 60 metros lisos, Sergio Coello en lonxitude e Pablo Bocelo nos 1.500 metros.