Saleta Castro consegue unha vitoria na súa preparación para o mundial de longa distancia

Pontevedra
09 de agosto 2021

A triatleta pontevedresa logrou o triunfo na esixente proba Xterra celebrada en Portugal, que estivo marcada pola dureza do terreo forestal e das altas temperaturas

Saleta Castro gaña a Xterra de Portugal
Saleta Castro gaña a Xterra de Portugal / Xterra / @carelduplessis / Saleta Castro

A triatleta pontevedresa Saleta Castro conseguiu a vitoria na proba Xterra celebrada a pasada fin de semana en Portugal. Unha competición marcada pola dureza do percorrido e unha calor abrasador no que os participantes tiveron que completar 1,5 quilómetros a nado, 35 quilómetros sobre bicicleta de montaña e 10 quilómetros de carreira por terreos forestais. 

Inmersa na súa preparación para a volta ás competicións de longa distancia, Castro chegou a Portugal co único obxectivo de avanzar na súa preparación física e gozar da carreira. E vaia se o fixo!. A deportista dominou a carreira de principio a fin e parou o crono en 3 horas e 6 minutos para cruzar a meta en primeira posición cunha vantaxe de máis de 45 segundos sobre a súa inmediata perseguidora, Louise Fox, que foi segunda seguida de Pauline Vie.

"O obxectivo da fin de semana estaba claro gozar ao máximo da carreira, do ambiente e sufrir. Moi contenta polo resultado pero o que de verdade me fai feliz é ver como en algo que non domino, vou mellorando pouquiño a pouquiño", compartiu a pontevedresa nas súas redes sociais despois da carreira que servirá de preparación para o mundial de longa distancia de Almere previsto para o 12 de setembro.