Saleta Castro roza o podio no Ironman de Malaisia

Pontevedra
11 de novembro 2017

A triatleta pontevedresa remontou unha posición no maratón final, no que formou o mellor tempo das participantes, e rozou o terceiro chanzo do podio. Finalmente foi cuarta despois de 9 horas 38 minutos e 36 segundos de esforzo

Saleta Castro posa na zona de transición antes do Ironman de Malaisia
Saleta Castro posa na zona de transición antes do Ironman de Malaisia

Bo papel o de Saleta Castro no esixente Ironman de Malaisia, no que quedou a só dous minutos do podio entrando en meta nunha meritoria cuarta praza.

A triatleta pontevedresa superou a calor e a alta humidade que caracterizan esta carreira para render a gran nivel, empezando polos 3,8 quilómetros de natación nos que saíu en segunda posición, a case minuto e medio do liderado e con 40 segundos de vantaxe sobre as grandes favoritas, a alemás Diana Riesler e Mareen Hufe.

Todo cambiou rapidamente no inicio dos 180 quilómetros de ciclismo. Riesler tomou pronto o liderado mentres que Saleta foi cedendo posicións ata o quinto lugar.

A vantaxe da líder foi crecendo ata os 7 minutos e 44 segundos sobre Mareen Hufe, mentres que Saleta Castro completaba a última transición a 22 minutos.

Chegaba entón o momento da pontevedresa, afeita facer grandes maratóns nas súas últimas competicións. Así foi tamén en Malaisia, coa mellor marca nos 42,2 quilómetros de carreira a pé para ir recortando tempo aos seus rivais.

Ascendeu á cuarta posición e chegou a reducir a súa desvantaxe con Manon Genet ata en 10 minutos, pero a francesa foi capaz de aguantar o seu posto no podio por algo máis de dous minutos.

Ao final Saleta Castro entrou na meta cun tempo de 9 horas 38 minutos e 36 segundos, a 17 minutos da vencedora, Diana Riesler (9:19:01), mentres que Mareen Hufe foi segunda (9:27:23) e Genet foi terceira (9:36:14).

Aínda que o obxectivo marcado para Malaisia era o podio, este resultado outorga á deportista galega puntos importates no ránking de clasificación para o Campionato do Mundo de Hawaii 2018, cita que aparece en vermello marcada no seu calendario.