Foi unha longa travesía no deserto, pero despois de 11 meses sen competir no seu deporte, o tríatlon, Saleta Castro volveu ao rodo da mellor maneira posible, subindo o máis alto do podio.
A deportista pontevedresa participou este domingo no Infinitri de Almassora, en Castelló, na modalidade olímpica.
"En 19 anos facendo tríatlon nunca estivera tanto tempo sen competir no deporte que é a miña paixón, 11 meses sen facer unha proba. Non vou falar de sensacións, nin tempos, nin calquera tipo de escusa. Simplemente vou dar as grazas á organización @infinitrihalf e á toda a xente que fixo posible esta gran proba, aos participantes polo gran ambiente vivido e ao público que respectando todas as medidas estivo animando e apoiándonos", explicou Saleta tras a proba nas súas redes sociais.
O certo é que a pesar de non falar de sensacións Saleta foi a vencedora na categoría feminina de maneira clara cun tempo de 2 horas, 14 minutos e 33 segundos, con case 4 minutos de vantaxe sobre Natalia Bermúdez e 11'24'' sobre Enereitz Urrutia, prata e bronce respectivamente.
Foi a cuarta edición deste tríatlon, no que tal e como recoñeceu a organización participaron preto de 300 deportistas nas súas respectivas categorías e modalidades, xa que tamén contou con carreiras de media distancia.