Saltos de 'gran altura' na praza da Ferrería da man da Gimnástica

Pontevedra
28 de agosto 2022

Os mellores saltadores galegos déronse cita este sábado na praza da Ferrería para celebrar unha nova edición do Saltar na Rúa, a festa deportiva que todos os anos organiza a Sociedad Gimnástica de Pontevedra

Sexta edición do Saltar na Rúa
Sexta edición do Saltar na Rúa / PontevedraViva

Os mellores saltadores galegos déronse cita este sábado na praza da Ferrería para celebrar unha nova edición do Saltar na Rúa, a festa deportiva que todos os anos organiza a Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Despois de dous anos celebrándose na Ponte do Burgo, o atletismo volveu reinar no centro da Boa Vila ante a expectación de numerosos afeccionados e curiosos que puideron ver a saltadores de talla olímpica ou campións galegos.

Así, entre aplausos do público, comezou a exhibición co salto de lonxitude da man de Jean Marie Okutu (FC Barcelona), olímpico en Río 2016 e campión de España absoluto en numerosas ocasións, e Andrea Villaverde (Sociedad Gimnástica), campioa galega absoluta.

Despois foi a quenda do triplo salto con Diego Míguez (Sociedad Gimnástica), campión galego absoluto, Anxo Blanco, campión de España sub 23 en 2018, Alfonso Palomanes, récord galego absoluto de triplo salto e campión de España absoluto en 2016, Uxía Paz (Celta), cuarta no nacional sub 23 de 2022, e Marina Artemia Pérez (Sociedad Gimnástica), bronce no nacional sub 16 de pista cuberta.

Pecharon a xornada co salto de pértega de Luís Mouro, récord galego absoluto, Tomás López (Sada), campión galego absoluto, e Nerea Fernández (Adas O Barco), campioa galega absoluta.