Samu Mayo pon o foco en "estar fortes defensivamente" para tentar asaltar o liderado

Pontevedra
06 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O centrocampista do Pontevedra Club de Fútbol compareceu este mércores en rolda de prensa recoñecendo que "ultimamente nos está custando non encaixar", polo que ve importante recuperar a fortaleza defensiva para seguir aspirando todo o máis alto

Samu Mayo, no partido de liga entre Pontevedra CF e Rayo Cantabria en Pasarón
Samu Mayo, no partido de liga entre Pontevedra CF e Rayo Cantabria en Pasarón / Cristina Saiz

A recta final da tempada achégase e o Pontevedra Club de Fútbol quere seguir aspirando ao máis alto, o primeiro posto a que dá dereito ao ascenso directo a Primeira RFEF.

Calquera detalle pode resultar decisivo nas nove xornadas que restan para o final da liga regular, e por iso Samu Mayo puxo o foco este mércores en rolda de prensa na necesidade de recuperar a fortaleza defensiva, e é que os granates suman cinco encontros sen deixar a súa porta a cero.

"Temos que estar fortes defensivamente, que ultimamente nos está custando non encaixar, e desde esa fortaleza defensiva seguir facendo goles arriba como estamos a facer", sinala como clave o centrocampista.

Neste aspecto varios dos goles recibidos nas últimas semanas chegaron a balón parado, como os dous en Oviedo ou o primeiro contra o Zamora tras un saque de banda, aínda que segundo Mayo o adestrador Yago Iglesias no que máis está a facer énfase nos adestramentos é en "gañar duelos, estar preto do rival e xuntiños nós".

Polo demais Samu Mayo asegura que prefire non facer contas e "iría partido a partido", porque aínda que "nos queda xogar contra o Ourense na casa, que ese partido decidirá moitas cousas creo, esta fin de semana o que toca é o Avilés", sinala. Un rival que avisa "vén de gañar o Coruxo 4-0, e o Coruxo aquí púxonos as cousas complicadas". E é que ademais a estas alturas do curso "todos os equipos xóganse cousas", elevando a dificultade de sumar, aínda que "nós tamén nolo xogamos" e agora "queremos gañar todo" para poder conseguir o obxectivo.