San Brais, lista para abrir o Circuíto de Carreiras Populares

Pontevedra
26 de xaneiro 2016

A oitava edición da carreira pedestre da parroquia inclúe pequenos cambios no percorrido que o fan "un pouco máis duro". A proba celebrarase o vindeiro domingo 31 de xaneiro con saída e chegada no centro comercial

Presentación da VIII Carreira Pedestre de San Brais
Presentación da VIII Carreira Pedestre de San Brais / PontevedraViva

A parroquia de San Brais prepárase para dar o pistoletazo de saída por cuarto ano ao Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra.

Coa oitava edición da súa carreira pedestre, que se celebrará o vindeiro domingo 31 de xaneiro, iniciarase un evento que aspira a seguir crecendo.

A carreira de San Brais terá a súa saída e chegada no centro comercial e un circuíto con pequenos cambios que o fan este ano "un pouco máis duro", recoñeceron os organizadores na súa presentación.

Serán 6.500 metros na proba absoluta, fixada para as 12:30 horas. Antes, desde as 11:30 horas, celebraranse as probas de categorías inferiores.

O obxectivo da asociación de veciños pasa por superar os 600 deportistas do pasado ano aínda que "tampouco queremos moitos máis que quedamos sen chocolate", sinalou José Luis Galego en relación á chocolatada coa que se agasalla aos participantes á conclusión da proba.

A recollida de dorsais, do mesmo xeito que a inscrición das carreiras de menores, pode realizarse esta vez desde o sábado no centro comercial, de 16:30 a 20:30 horas ou o domingo desde as 9:30 horas.

En canto á carreira absoluta, a inscrición manterase aberta ata este mércores na páxina web www.championchipnorte.com.