Sanxenxo prepárase para unha fin de semana de tríatlon

Sanxenxo
17 de maio 2017

Silgar será o epicentro do Campionato Galego de Tríatlon de Media Distancia, o 113 Swim Run & Ride, que na súa segunda edición conta con máis de 150 inscritos. Un tríatlon en distancia olímpica completa a oferta deportiva para unha xornada que terá lugar o vindeiro domingo 21 de maio

Presentación da segunda 113 Swin Ride Run de Sanxenxo
Presentación da segunda 113 Swin Ride Run de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O vindeiro domingo 21 de maio Sanxenxo gozará da emoción do deporte coa segunda edición do 113 Swim Run & Ride, que repite como Campionato Galego de Tríatlon de Media Distancia.

A proba empezará a notarse na vila o sábado coa recollida de dorsais e o 'check-in' das bicicletas coas que competirán os máis de 150 deportistas inscritos, pero non será ata primeira hora do domingo cando de comezo a acción. 

A saída da proba masculina darase ás 8:00 horas desde a praia de Silgar, mentres que a feminina partirá 10 minutos máis tarde para completar 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo por un circuíto entre a Praza do Mar e A Lanzada ao que se dará catro voltas e 21 quilómetros a pé, con catro voltas entre Sanxenxo e Baltar.

Entre os trialetas confirmados destaca a presenza da vencedora o pasado ano en categoría feminina, Sonia Pariente, e de Ismael López na masculina.

Completará a oferta deportiva un tríatlon en distancia olímpica para o que están confirmados un cento de deportistas e que será puntuable para o Campionato Galego.

O 113 Swim Run & Ride de Sanxenxo foi presentado este martes nun acto que contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Jesús Sueiro, o vicepresidente da Federación Galega de Tríatlon, Luís Piña, e o director técnico da proba, Leonardo López.