Poio vive cunha mestura de ilusión e de "satisfacción" a confirmación de que o municipio será punto de saída dunha etapa de La Vuelta en 2025.
O será concretamente o día 9 de setembro, na etapa 16 da rolda ciclista con 172 quilómetros de percorrido partindo desde Combarro e con final no alto de Castro Herville, en Mos.
"É un proxecto no que levabamos traballando desde hai moito tempo", recoñeceu este venres o alcalde de Poio, Ángel Moldes.
Para o rexedor situarse no mapa de La Vuelta Ciclista a España como saída dunha das súas etapas "é unha oportunidade de expor a riqueza de todo o noso municpio ao resto do mundo". Ademais en "unha das etapas máis vistosas".
Moldes asegura que segundo explicaron na presentación do percorrido "son preto de 4.000 persoas só os que forman a caravana da propia Vuelta entre corredores, adestradores, persoal técnico... E falaban que o ano pasado preto de 400 millóns de persoas viron a retransmisión da carreira".
Ademais a saída desde Poio chegará tras a segunda xornada de descanso, polo que " durante dous días imos ter a oportunidade de aloxar no noso concello a corredores, xornalistas..."
Tamén o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, valorou o paso da carreira ciclista pola provincia, asegurando que "é un dos grandes acontecementos deportivos do ano neste país, e un dos máis importantes do mundo no deporte do ciclismo".
"A mellor campaña que un territorio pode facer é o helicóptero de La Vuelta", defendeu o presidente provincial.