Segundo posto para o Ciudad de Pontevedra no Nacional de Piragüismo de Ríos e Travesías

Pontevedra
17 de xuño 2018

O club pontevedrés conseguiu o segundo posto por equipos na competición celebrada este sábado no Grove e na que participaron máis de 700 deportistas

Podio do Campionato de España de Ríos e Travesías no Grove Federación Galega de Piragüismo

O Grove foi escenario este sábado do Campionato de España de Ríos e Travesías, con claro protagonismo do piragüismo pontevedrés.

O Club Breogán, organizador do evento, tivo que modificar o percorrido previsto debido ao forte vento, pero a competición puido desenvolverse con relativa normalidade.

En canto aos resultados, a EP Ciudad de Pontevedra conseguiu unha meritoria segunda posición na clasificación xeral por equipos cimentada no bo labor de todas as súas categorías, co Club Escuela de Piragüismo Aranjuez levando a vitoria e co Piragüismo Pamplona terceiro. 

A nivel individual Tono Campos (Breogán do Grove) levou título de campión de España en C-1  senior, por diante do canoista do Kayak Tudense Manuel Garrido. Tamén venceu a súa compañeira de club Tania Álvarez en kaiak.

Ademais o podio das embarcacións dobres deixou como vencedores a Óscar Graña xunto a Diego Romero en C-2 senior, nunha proba na que as tres primeiras posicións foron para os deportistas do Breogán, xa que Miguel Castro e Adrián Lameiro foron segundos mentres que Jose Sánchez e Adrián Edreira terminaban en terceira posición.