A provincia de Pontevedra engade unha nova proba ao seu calendario deportivo co nacemento da 'Entre Pontes Trail & Running', un circuíto de seis carreiras que se celebrarán na contorna de Vigo, O Salnés, Pontevedra, O Morrazo e Deza-Tabeirós.
A este evento destinarase un orzamento de preto de 240.000 euros que a Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar e contará con tres carreiras de 10 quilómetros e tres probas de trail de 14 quilómetros cada unha.
As zonas de Pontevedra e O Salnés serán, xunto a Vigo, os escenarios das tres probas de 'running' mentres que a cidade olívica, O Morrazo e Deza-Tabeirós acollerán as tres carreiras de trail.
Co obxectivo de levar este evento máis aló da competición, cada cita contará cunha andaina popular, probas infantís e food trucks que porán o broche de ouro a estas xornadas de convivencia.
As previsións de participación son dunhas 800 persoas en cada unha das seis probas que se desenvolverán ao longo do calendario.
Destas 800 persoas, estímase que 500 participarán nas probas principais, 150 nas andainas populares e 150 nas actividades infantís.
Esta iniciativa nace coa vocación de consolidarse a longo prazo no calendario provincial, promovendo hábitos de vida activos e saudables entre a cidadanía da provincia.
Así mesmo, o programa pretende funcionar como unha ferramenta de promoción territorial para dar a coñecer os atractivos naturais e paisaxísticos das diferentes comarcas das Rías Baixas e do interior pontevedrés que compoñen o percorrido.