Semana de descanso... e reflexión

Pontevedra
18 de decembro 2017

O primeiro plantel do Pontevedra marcha de vacacións de Nadal nunha situación delicada, ocupando postos de play-out pola permanencia. Volverán ao traballo ao comezo da próxima semana

Roberto Feáns, Luisito e Manuel Ruibal nun adestramento do Pontevedra
Roberto Feáns, Luisito e Manuel Ruibal nun adestramento do Pontevedra / Mónica Patxot

As vacacións de Nadal chegan nun momento delicado para o Pontevedra Club de Fútbol, que pechou a primeira volta da competición no posto de promoción pola permanencia con só 19 puntos, moi lonxe dos obxectivos marcados ao comezo da tempada.

Nove encontros consecutivos sen coñecer a vitoria colocaron aos granates a só dous puntos do descenso directo, cun ambiente enrarecido na bancada e con tensión no banco, tal e como demostrou Luisito na rolda de prensa posterior ao encontro ante o Atlético de Madrid B.

Tras a cita ante o filial colchoneiro, e cumprindo así o convenio do fútbol español, o primeiro plantel iniciou unha semana de descanso, xa que non volverán aos adestramentos ata o inicio da próxima semana, despois da celebración de Nadal. 

Tempo por tanto para recargar pilas e tamén para a reflexión na parcela deportiva e nos despachos para valorar que saíu mal no tramo inicial da tempada e buscar solucións, mirando de esguello ao mercado invernal que abre o 1 de xaneiro. 

O próximo partido oficial do Pontevedra non se disputará ata o domingo 7 de xaneiro, a falta de confirmación oficial sobre o seu horario, co inicio da segunda volta de competición ante o Celta B en Pasarón.