Semana sen xornada para o Pontevedra, pero coa rutina habitual

Pontevedra
09 de novembro 2020

Pese ao parón competitivo da Segunda B, o cadro granate manterá a súa rutina habitual de adestramentos salvo polo descanso que Jesús Ramos ten previsto dar aos seus o domingo

Adestramento de pretempada do Pontevedra en Pasarón
Adestramento de pretempada do Pontevedra en Pasarón / Cristina Saiz

A competición na Segunda División B chega a un parón dunha semana, sen xornada os días 14 e 15 de novembro, e faino cun Pontevedra que non perdeu nos seus catro partidos e segundo na táboa, a 2 puntos do novo líder Deportivo.

A liga non regresará para os granates ata o día 22 de novembro coa visita ao Estadio Municipal de Pasarón do Salamanca CF UDS, oitavo clasificado con 3 puntos.

Pese ao parón competitivo e segundo confirman dende o clube, Jesús Ramos e os seus seguirán traballando nunha rutina normal coa intención de seguir puíndo detalles do equipo nunha tempada tan curta e importante como a actual.

Desta forma, o primeiro plantel afrontou este luns unha sesión de recuperación, especialmente para os titulares en Zamora, e este martes gozarán de día de descanso. 

O resto da semana os adestramentos seguirán o esquema habitual salvo pola segunda xornada sen actividade prevista inicialmente para o vindeiro domingo. A partir de aí o Pontevedra entrará nunha nova semana co único obxectivo de conseguir os tres puntos en xogo ante o Salamanca para consolidarse nos primeiros postos.