Sen esixencias pero "con ganas de ganar" no último desprazamento da tempada

Pontevedra
28 de abril 2017

O Teucro, co ascenso xa no peto, visita este sábado (19:00 horas) a pista do segundo clasificado da División de Honra Prata, un Palma del Río que ten asegurado o factor cancha no play-off. Os azuis viaxan "sin la exigencia de los puntos pero siempre con las ganas de ganar", recoñece Quique Domínguez

Partido entre Teucro e Barcelona B no que os azuis celebraron o ascenso
Partido entre Teucro e Barcelona B no que os azuis celebraron o ascenso / Diego Torrado

O Teucro, co ascenso xa no peto, visita este sábado (19:00 horas) a pista do segundo clasificado da División de Honra Prata, o Palma del Río.

O que hai semanas estaba marcado en vermello no calendario como partido clave para lograr o obxectivo quedouse nun duelo no que o único que estará en xogo será o orgullo competitivo, xa que o cadro cordobés ten asegurado o factor cancha no play-off e tampouco necesita o triunfo.

"Viajamos sin la exigencia de los puntos pero siempre con las ganas de ganar", recoñece Quique Domínguez, que a pesar do difícil que pode resultar quere manter a tensión no plantel para terminar con bo sabor de boca a tempada.

"El objetivo es tratar de hacer el mejor partido que podamos", sinala o técnico, tendo en conta que se enfrontarán os dous mellores equipos da competición e que o Palma del Río se mostra como case inexpugnable na súa cancha.

Tamén o ven así os xogadores, que como Edu Moledo opinan que "si vamos a pegarnos un viaje de 12 horas no va a ser para perder", sentenciou o extremo.

A baixada de tensión e de intensidade nos adestramentos desembocou tamén nas molestias físicas de varios xogadores durante a semana, ademais de varios procesos víricos que, espera Domínguez, non pasen factura aos xogadores durante o partido.

O encontro en Palma de Río será arbitrado polos vascos Ansoleaga Torrontegui e Izquierdo Molina.