Pontevedra fixo un "esforzo importante" para manter a celebración do Campionato de España Sprint de Tríatlon que terá lugar o vindeiro sábado 22 e domingo 23 de agosto na cidade.
Así o asegurou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na presentación oficial este martes dun evento que pasa por ser o primeiro de gran nivel nacional tras a irrupción da pandemia, e pode que o único a teor das circunstancias actuais e coa serie de cancelacións de probas tanto en España como a nivel internacional.
Para poder levalo a cabo elaborouse un estrito protocolo, que inclúe habilitar un peche perimetral ao circuíto evitando así a presenza de público, xa que só poderá seguirse as carreiras por streaming a través da plataforma de LaLigaSports. "Vai a darse a máxima seguridade", reafirmou o alcalde, que só lamenta que dentro da espectacular lista de saída que presenta o campionato non se atopen finalmente Javi Gómez Noya e Mario Mola tras un cambio de data do Grand Prix en Francia.
"Si exceptuamos a Javi y a Mario no va a faltar nadie", asegurou o director deportivo da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, quen sinalou que desde o organismo deportivo "teníamos claro que si queríamos hacer un evento con el máximo nivel de seguridad tenía que ser en Pontevedra", defendeu.
Pola súa banda o concelleiro de deportes, Tino Fernández, xustificou o esforzo realizado nun momento tan delicado como o actual porque "Pontevedra débelle este esforzo ao tríatlon".
Na presentación tamén estaban dous deportistas, a local Saleta Castro e o vigués Antonio Serrat. Saleta, que non poderá finalmente competir "moi ao meu pesar" ao estar a se recuperar dunha lesión, quixo destacar que "este ano poida realizarse en Pontevedra a primeira proba de gran nivel nacional é un privilexio".
A competición iniciarase na matinal do sábado (9:00 horas) coa categoría cadete, continuando co paratríatlon (12:00 horas) e os grupos de idade (16:00 horas). Pola súa banda o domingo 23 será a quenda das carreiras elite masculina (9:00 horas) e feminina (10:45 horas), finalizando coa categoría júnior (12:15 e 13:00 horas).
Todas as probas salvo a categoría elite e o paratríatlon, disputásense en formato contrarreloxo con saída individualizada como medida de prevención establecida no protocolo de seguridade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.