Sen xornada de Asobal pola Copa do Rei, pero con partido para o Cisne

Pontevedra
02 de marzo 2021

O club pontevedrés aproveitará o parón ligueiro para tentar recuperar o ritmo perdido, e para iso medirase ao Atlético Novás no Rosal nun encontro amigable

Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes
Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

A fase final da Copa do Rei, que se disputa do 5 ao 7 de marzo en Madrid, volve frear en seco o ritmo de competición do Dicsa Modular Cisne.

Os pontevedreses, que acaban de volver á actividade tras un gromo de covid xogando ante o Puerto Sagunto o seu segundo partido do ano, non poderán unha vez máis encadear dúas xornadas consecutivas por esta efeméride, pero buscáronse a vida para seguir mellorando a súa posta a punto.

Aproveitando o final da primeira fase de liga na División de Honra Prata o Cisne visitará o Atlético Novás o vindeiro venres 5 de marzo (20.15 horas) no I Trofeo CCMM do Rosal, un equipo que prepara a súa participación na fase de ascenso á máxima categoría.

Unha boa pedra de toque por tanto para os de Jabato, que caeron á última posición da Asobal pero que non renuncian no seu empeño de pelexar pola permanencia anunciando batalla ata onde as forzas lle aguanten.

Dáse a circunstancia de que Cisne e Novás xa se ían a medir nun amigable para mediados de xaneiro, no Memorial Luaces en Pontevedra, pero a cita tivo que ser suspendida a última hora polos problemas do conxunto do Rosal para chegar á cidade do Lérez debido aos peches perimetrais impostos nese momento e ao non tratarse dunha competición oficial.

O encontro poderá contar con público nas bancadas, cun límite de 180 espectadores.