Sergio García e Aída García, vencedores do Tríatlon Cros Concello de Pontevedra

Pontevedra
27 de agosto 2018

A proba, que servía de test para a celebración o próximo ano do ITU Multisport Festival e que tiña categoría de Campionato Galego, pechou unha intensa fin de semana de tríatlon na cidade

Podio feminino do Tríatlon Cros Concello de Pontevedra
Podio feminino do Tríatlon Cros Concello de Pontevedra / Federación Galega de Tríatlon

O Tríatlon Cros Concello de Pontevedra, proba da Copa de España e Campionato Galego da especialidade, puxo o broche este domingo á fin de semana de tríatlon na cidade tras o Campionato de España de Longa Distancia.

Sergio García (AD Sevilla) e Aída García (Tríatlon Rías Baixas) foron os vencedores absolutos dunha competición que serviu como test para o mundial de tríatlon cros que acollerá Pontevedra en 2019 dentro do ITU Multisport Festival.

Na carreira feminina comezou dominando Silvia Deira (Olímpico de Vedra) na natación, con 40 segundos de vantaxe sobre Isabel González (Marlins Triatlón Madrid) e case dous minutos sobre Aída García. Todo cambiou con todo na transición e o inicio do circuíto de bicicleta, onde Aída logrou alcanzar pronto ás súass rivais para marchar en solitario na cabeza abrindo oco ata o final, ao que chegou cun tempo de 2:44:38, mentres que a segunda foi Isabel González (2:57:53) e o bronce para Silvia Deira (3:09:11).

Na categoría masculina a pelexa foi máis rifada entre Sergio García e Alejandro Pareja (Triatlón Ondarreta Alcorcón), que se puxo primeiro na natación e aguantou o tirón no sector ciclista no que foi cazado polo seu rival. Ambos os dous chegaron xuntos á última transición e xogaron o triunfo nunha estreita marxe. Gañou finalmente Sergio García 2:13:10, pero só con 12 segundos de vantaxe sobre Pareja (2:13:22) e pouco máis sobre o bronce que levou Ángel Herráiz (2:13:38).

Nesta categoría o título de campión galego foi para o cuarto clasificado, Enrique Morán (Atletismo Porriño), que chegou a meta cun tempo de 2:14:55.

A Copa de España tamén se disputou en categoría cadete, con vitorias para Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial) e Andrés Prieto (AD Fogar).