Sergio Vega dálle ao Froiz a súa undécima Volta á Coruña

Pontevedra
03 de xuño 2018

O equipo alimenticio culminou unha gran rolda na provincia coruñesa facéndose na terceira e última xornada co liderado da xeral, ademais de coa vitoria de etapa

Sergio Vega, vencedor da Volta á Coruña
Sergio Vega, vencedor da Volta á Coruña / Purociclismo / Federación Galega de Ciclismo

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz mantén o seu idilio coa Volta á Coruña, unha da competicións por etapas organizada cada ano pola Federación Galega de Ciclismo.

O conxunto alimenticio fíxose este domingo coa súa undécima Volta nas 17 edicións disputadas, despois de culminar un gran traballo na terceira e última xornada da competición, na que ata sete ciclistas chegaban empatados na xeral.

Un deles era Martín Lestido, vencedor hai un ano, pero esta vez tocoulle a quenda ao seu compañeiro Sergio Vega, que rematou o gran traballo do seu equipo levando o triunfo de etapa e a camisola amarela de líder na meta situada na localidade de Cariño.

A etapa definitiva constaba de 125 quilómetros de percorrido con dous portos de 1ª categoría e un de 3ª que resultaron decisivos.

O Froiz impuxo un ritmo alto ao comezo do primeiro porto, onde rompeu o pelotón deixando un grupo dianteiro de 27 unidades nos que ían os 7 integrantes do equipo dirixido por Evaristo Portela, ademais do líder Antonio Angulo (Rías Baixas) e o resto de aspirantes.

A escuadra pontevedresa mantivo o temón ata o inicio da última ascensión, na que Diego Noriega, Miguel Gómez, Iván Martínez, Martin Lestido e Sergio Vega tiñan como misión facer a carreira aínda máis dura. Así a 5 quilómetros da cima cedeu o líder da proba, e Sergio Vega atacou xunto a Óscar Linares (Gomur) para coller unha importante renda. Cun minuto de vantaxe sobre os seus perseguidores, o dúo xogábase a vitoria, que foi para Veiga ao atacar nos últimos metros sen que Linares puidese responder, o que lle valeu o dobre triunfo, na xornada e na xeral.

Ademais o Froiz redondeou a súa actuación co cuarto posto de Iván Martínez e o sétimo de Martín Lestido. Martin tamén levou a camisola azul de mellor galego, Vega a xeral da montaña e o Froiz a clasificación por equipos.