Siareirxs Granates sorprende a Edu cunha emotiva despedida en Pasarón

Pontevedra
04 de agosto 2020

O excapitán do Pontevedra CF, Edu Sousa, recibiu o agarimo de máis dunha decena de afeccionados que se reuniron en  Pasarón para desexarlle sorte na súa nova aventura futbolística

Siareirxs Granates organiza unha despedida sorpresa a Edu Sousa / Ana Ramasso

"Non mo esperaba, nunca o esquecerei. Déisache os sentimentos a flor de pel". Aínda emocionado lembra o xa excapitán do Pontevedra CF, Edu Sousa, a despedida sorpresa que un grupo de afeccionados do colectivo Siareirxs Granates lle preparou o domingo.

Coa escusa de despedirse del e facerlle entrega dun obsequio de parte da afección do Fondo Norte, un dos integrantes do colectivo quedou a última hora da tarde do domingo co porteiro no exterior de Pasarón. O que non se esperaba Sousa era que, ao dobrar a esquina da Pallota, agardaba máis dunha decena de granates que, ataviados con bengalas e máscaras, o recibiron ao berro de "Edu sempre granate". E el, agradecido, respondeu repartindo saúdos e abrazos a todos.

"Demostraron que me queren desde o primeiro día. Xa era consciente do agarimo que me tiñan e é recíproco eu sempre tento demostrarllo", confesa a alma do equipo granate durante boa parte da última década.

Non só o o gardamallas foi incapaz de conter a emoción. "A miña muller estaba na casa e oíase todo, tivo que deixar o que estaba a facer porque se puxo a chorar", confesa Edu, a quen tamén a súa filla maior, Daniela, transmítelle canto lle gusta que a afección queira tanto ao seu pai. "Iso tamén me fai feliz", afirma Edu.

"Un acto simple, sinxelo e sen moitos medios pero cargado de emocións e granatismo. Ou mínimo que merecía Edu logo de tantos anos e tanta entrega", explican desde Siareirxs nas súas redes sociais, nas que compartiron fotografías e un vídeo, as razóns para a organización deste valioso reconomiento.

Non foi a única mostra de agarimo recibida por Edu desde o momento no que se fixo oficial a súa saída do Pontevedra. As redes sociais enchéronse de mensaxes de agradecemento e forza para a súa nova etapa. Unha mostra é o vídeo publicado no perfil de Twitter Bonito Granate con imaxes que demostran a comuñón que existía entre o Fondo Norte e o seu capitán.

NOVO PROXECTO

Este xoves inicia o Talavera, novo equipo do gardameta de Tui, os adestramentos e Edu Sousa atópase xa camiño da cidade toledana. Ademais do ambicioso proxecto deportivo do seu novo equipo, a proximidade e confianza que lle brindou o adestrador resultaron claves para que o exgranate aceptara a oferta.

Non será a primeira vez que Edu faga as maletas. "Con 15 anos xa estiven un ano en Madrid e logo cinco na Coruña. Xa se o que é vivir só fóra de casa, pero si que será a primeira vez que me vaia coa familia", recoñece.

Por moi lonxe que se vaia o excapitán do Pontevedra, sempre conservará o seu sentimento granate, do que fixo gala durante todos os anos que defendeu o escudo do equipo de Pasarón. "É súper ilusionante o equipo que está a facer o Pontevedra. Charles é unha eminencia e é valente. Vén a Pontevedra porque, eu tamén sei o que é, este equipo faiche sentir moito", confesa o gardameta, poñendo en valor a calidade dos recentemente chegados así como dos seus excompañeros. " Churre, *Álex González, Romay, Rufo... os que xa estaban aquí tamén son moi bos".

"Agora só queda traballar para chegar a bo porto", remata Edu Sousa desexando volver atoparse co club da súa vida en Segunda División.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora