A praia de Silgar converterase a próxima fin de semana nun estadio de loita. O areal máis famoso da vila turística acollerá o 18 e 19 de xuño a segunda etapa das series mundiais de loita praia. Trátase da primeira vez que se celebra en España unha proba deste campionato ao que acudirán os mellores loitadores da especialidade, procedentes dunha vintena de países.
A competición, que foi presentada este luns no salón de plenos de Sanxenxo, comezará o sábado de 10 a 13 e de 15 a 18 horas. As finais de cada categoría disputaranse o domingo entre as 15 e as 18 horas.
Para facilitar o acceso do público, a Federación Galega de Loita instalará no areal sanxenxino unha instalación deportiva con bancadas, jaimas e dous círculos oficiais de loita de 7 metros de diámetro.
O desenvolvemento da competición é moi sinxelo. Gañará o duelo o deportista que consiga tres puntos antes de que termine o tempo de combate, que é de tres minutos. Os loitadores conseguen un punto cada vez que o adversario pisa fóra do círculo ou cada vez que derruben ao adversario e este toque o chan con calquera parte do corpo que non sexa a planta dos pés. Ademais, conseguirá tres puntos e daráselle o combate por gañado a aquel loitador que consiga lanzar ao rival polo aire e que caia de costas sobre a area.
En representación da selección española de loita praia acudirán tres deportistas galegos: Noelia Lalín (Club Keltoi de Vila de Cruces), Cora Axude ( Escola Axude de Santiso) e Pablo García (Club Loita Pontevedra). É rechamante a ausencia da pontevedresa Lydia Pérez, que tivo que cancelar a súa presenza no campionato por ser convocada pola Selección Nacional Absoluta para a disputa dos Xogos do Mediterráneo.