Silvia e Ceci repiten convocatoria coa Selección coa vista posta no Mundial de Costa Rica

Marín
22 de setembro 2014

Venancio López cita ambas as dúas xogadoras para unha concentración que se celebrará do 28 de setembro ao 2 de outubro. A próxima gran cita da Selección é o Mundial do próximo mes de decembro

Silvia Aguete nun partido entre Poio FS e Viaxes Amarelle
Silvia Aguete nun partido entre Poio FS e Viaxes Amarelle

A gardameta pontevedresa do Poio Fútbol Sala, Silvia Aguete, volveu ser citada para unha convocatoria da Selección Española, ao igual que a marinense Cecilia Puga 'Ceci', agora nas filas da Lazio italiana.

Venancio López incluíu ambas as dúas na lista de xogadoras que acudirán a unhas xornadas de adestramento entre os días 28 de setembro e 2 de outubro.

Ceci é xa unha fixa nos plans do seleccionador, pero Silvia segue consolidando a súa presenza no equipo nacional, co que espera participar este inverno no seu primeiro gran torneo.

A concentración da Selección servirá para preparar a próxima gran cita do calendario internacional, o Mundial que se disputará en Costa Rica do 2 ao 10 de decembro.

O resto da lista compóñena: Vane, Belén, Chamorro, Isa García, Lucía, Amelia, Leti, Ana Luján, Amparo, Marta Peñalver, Sara Navalón e Natalia.